Paseo da Castellana

Coordenadas: 40°26′38″N 3°41′29″O / 40.44388889, -3.69138889

Vista desde a Torre Europa.

O paseo da Castellana é unha das principais avenidas da cidade de Madrid (España), que percorre a cidade desde a praza de Colón, no centro, ata o Nó Norte.

O seu trazado inicial correspondía ao da antiga canle fluvial do arroio da Fuente Castellana (fonte que manaba algo máis ao norte da actual praza do Doutor Marañón), ata os chamados Nuevos Ministerios, onde se atopaba o antigo hipódromo de Madrid. Desde alí fíxose unha prolongación, proxectada en tempos da Primeira República, ata alcanzar case os límites do antigo pobo de Fuencarral, hoxe barrio de Madrid.

Xunto co paseo del Prado e o paseo de Recoletos, a Castellana forma un eixe viario fundamental que atravesa Madrid de norte a sur. Está prevista a súa prolongación cara ao norte por Fuencarral, dentro dun importante proxecto urbanístico coñecido como «Operación Chamartín».


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Nelliwinne